Coñeza Pontevedra

Ponte dos Tirantes Praza de Méndez Núñez Pontevedra Teucro

Coñeza Pontevedra

Pontevedra é unha cidade de 80 mil habitantes que posúe unha gran tradición literaria, musical e artística. Hoxe a cidade é un referente cultural consolidado en Galiza. Fortalecida pola súa situación estratéxica, no centro xeográfico do Eixo Atlántico, ultimamente vén tendendo novas pontes culturais co veciño Portugal e avanzando lentamente cara a América.

Nas últimas décadas Pontevedra vén experimentando unha gran efervescencia sociocultural coa creación e rehabilitación de novos espazos culturais como o Pazo da Cultura, o Teatro Principal, a Casa das Campás, o Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, o Centro Social Caixanova, o Café Moderno da Fundación Caixa Galicia e o Museo de Pontevedra. Igualmente significativa é a recente rehabilitación do centro histórico, que incorpora novas prazas e espazos de lecer á cidade e dota a cidade dun novo aire de modernidade.

A aparición destes espazos trae consigo unha importante dinamización cultural; comezan a xurdir interesantes proxectos co propósito de permanencia, como o Festival Internacional de Jazz de Pontevedra, o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, as exposicións Arte en Pontevedra e Salón do Libro Infantil e Xuvenil, así como os espectáculos Con voz propia e o propio Cantos na maré, entre outros.

Despunta tamén unha importante rede de colaboradores que inverten en proxectos culturais xuntamente co Concello de Pontevedra, como é o caso das entidades bancarias e empresas locais.

O terceiro pilar deste fenómeno é, sen dúbida, a implicación directa da cidadanía no programa de actividades culturais do Concello, unha cidadanía a quen dedicamos esta nova entrega de Cantos na maré.