Cantos na Maré 2008

Foto de Xabier Díaz

Xabier Díaz

Galiza

Músico e compositor. Compaxina ambas as dúas facetas profesionais cunha laboriosa actividade como investigador e compilador do folclore tradicional galego.

Ao longo da súa carreira cómpre destacar numerosas colaboracións en proxectos discográficos e concertos, con diversos artistas e formacións como Berrogüetto, Luar na Lubre, Amancio Prada, Os Cempés, Marful, Nordestinas, Kepa Junquera ou Uxía.

No ano 2004 edita Músicas de salitre (xunto co guitarrista Guillerme Fernández), un primeiro traballo co que optará como finalista aos Premios da Academia da Música no 2005, e co que acadará ademais o terceiro posto na edición dos galardóns La Opinión do mesmo ano.

Na actualidade, combina a súa actividade como cantante titular da compañía Nova Galega de Danza (coa que xa ten realizado os espectáculos Alento e Engado, nos anos 2005 e 2006, respectivamente), coa dirección e co-presentación do espazo *Tres peixes voando*, da Radio Galega Música (xunto con Guillerme Fernández e Ugía Pedreira). Máis recentemente, entra a formar parte do grupo Berrogüetto, en cuxo proxecto participa dende comezos do 2008.

Canto á súa carreira musical en solitario e despois da edición no ano 2007 do segundo traballo Coplas para Icía (no que rescata músicas do pobo tiradas do seu propio arquivo, compilación froito dun exhaustivo traballo de campo levado a cabo por el mesmo entre os anos 1990-2000), para o que elixiu como compañeiros de viaxe a Pedro Lamas e Suso Iglesias, traballa xa (nesta ocasión de novo na compaña de Guillerme Fernández) no que será o seu terceiro disco, A lírica do silencio, para o 2009.

www.xabierdiaz.com