Cantos na Maré 2007

Foto de Uxía

Uxía

Galiza

A traxectoria de Uxía enmárcase necesariamente na procura de sons, músicas e culturas que pasan as fronteiras

Neste proceso de consecución dun estilo persoal, Uxía non cesa de atopar polo camiño artistas que se teñen convertido en compañeiros de viaxe e que dan á súa música o sentido que ela sempre defendeu, facer da música un elemento de comunicación universal. A evolución dun camiño propio, de novos matices de voz e textos cos que construír cancións. De como Uxía se converteu en catalizadora destas culturas, músicas e artistas diferentes, di moito o espectáculo "Cantos na Maré", deseñado por ela mesma. O escenario transfórmase nunha festa multicultural coas mellores voces de Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau...

Partindo da tradición e do seu lugar de orixe, Uxía personaliza e dá vida aos sons que a emparentan cos países da lusofonía. Agora, coa ollada posta no seu novo disco, impregnado polo Atlántico, a cantante recolle a esencia de todas esas experiencias que a levan a un contacto permanente con diferentes lugares, xentes e artistas. Será un paseo polos ambientes e ritmos destes lugares nos que retoma a poesía do país, esta vez da man de autores como Manuel Rivas, Celso Emilio Ferreiro ou Marica Campo.

http://www.nordesia.com