Cantos na Maré 2006: Mulleres na lusofonía

Foto de Uxía

Uxía

Galiza

Creadora, ideóloga e directora artística deste proxecto Cantos na Maré. Os seus numerosos contactos e vías de comunicación cos países de fala portuguesa fan dela a principal embaixadora da música galega nestes territorios e posibilitan a materialización de proxectos coma este e a participación noutros que foron concebidos en Portugal, como Sons da Lusofonía ou Sons da Fala.

Sempre á procura dun espacio para a voz, para a sensibilidade, para o feminino plural, Uxía levou a cabo diversos espectáculos nos que a muller e a tradición foron a base do seu traballo como Son Delas ou Que o pano non me namora (Malvela). Como persoa inqueda que é colabora na Radio Galega nos programas Diario Cultural e Aberto por Reformas, onde fai un traballo de divulgación das músicas de raiz. Tamén é a asesora musical do exitoso programa da TVG “Alalá”. Está a piques de editar o seu novo disco, onde parte, como sempre, da tradición e das atmósferas do seu país de orixe, Galiza, para reinventar e personalizar as sonoridades que envolven este universo musical rico e diverso, e dotar de vida, cor e calidez esta cultura que emparenta con territorios atlánticos como Brasil e Cabo Verde onde cantou este mesmo ano e cos que afianzou ainda máis os lazos que nos unen.