Cantos na Maré 2006: Mulleres na lusofonía

Foto de Ugia Pedreira

Ugia Pedreira

Galiza

Ugía Pedreira leva moitos anos ligada á música como cantante, compositora e dinamizadora da música galega. Actualmente é a alma mater de Marful, un proxecto que ela impulsou e que é a sensación musical nos últimos tempos en Galiza. Propón unha cocteleira inspirada nos ritmos que soaban nas vilas galegas, entre os anos 30 e 50, nos salóns de baile e nos cafés cantantes. Unha época musical marcada polos ritmos de tradición americana que cohabitaban coa música popular e a canción melódica. Música elegante para unhas letras persoais e irónicas, letras en femenino feitas pola propia Ugía Pedreira.

Cunha voz conmovedora, Ugía nos regalou un disco inspirado nos carnés de baile cunha inequívoca vocación contemporánea. Un bo disco para que poidamos descubrirnos nun espello desgastado polo tempo pero que paradoxicamente nos regala a imaxe e a esencia real do que somos a día de hoxe. Un disco para coller a parella e bailar outra vez eses ritmos quentes que atravesaron o Atlántico. Ugía é ademais directora do Conservatorio de Música Folque de Lalín e forma parte do proxecto Nordestin@s xunto ao virtuoso pianista de jazz Abe Rábade e a cantante e compositora Guadi Galego.