Cantos na Maré 2006: Mulleres na lusofonía

Esta nova edición de Cantos na Maré vai centrarse na creación feminina no ámbito da lusofonía para valorar dun xeito global a aportación de todas e cada unha das participantes ao ámbito artístico e máis concretamente como transmisoras da palabra, tan necesaria e tan esquencida.

16 de decembro de 2006, 21:00h Pazo da Cultura de Pontevedra

Todas as que participamos este ano asumimos a nosa condición de mulleres e temos un discurso propio que plasmamos nas nosas composicións que, en moitos casos, son bastante explícitas e falan da loita das mulleres para lograr a tan ansiada igualdade.

Son cantos que están lonxe do patriarcal discurso musical e que logran reivindicar o recoñecemento do peso da tradición cultural feminina nestes territorios. Esta ten un peso relevante tamén na nosa terra, por iso tentamos buscar eses mesmos referentes nos países de fala portuguesa.

Tamén queremos contribuir á consolidación de modos comúns e reciprocamente aprendidos de sentir e exercer a vida, realzando coincidencias e matices.

Cantos na Maré 2006 é unha homenaxe a todas as mulleres que ainda temos que loitar para que se realicen os nosos soños, moi a menudo ante a adversidade e en condicións difíciles, mesmo no ámbito artístico. Por iso temos o noso propio xeito de interpretar a música, non nos limitamos a ser canles dos outros.

Temos sido portavoces e portadoras da palabra cantada. Herdeiras da tradición cultural feminina, cun peso tamén relevante nos paises lusófonos.

E aportamos á música toda a nosa forza, a nosa fortaleza como depositarias da palabra cantada na música tradicional á que acrecentamos a nosa identidade como creadoras.

Con esta edición monográfica de Cantos na Maré pretendemos amosar o inmenso potencial creativo das sucesivas xeracións de cantoras e escritoras que nos precederon (Rosalía de Castro, Amália Rodríguez, Elis Regina…) que usaron a nosa lingua e expresaron sen complexos os seus sentimentos máis profundos).

De procedencia e estilos ás veces diametralmente opostos, todas temos un denominador común: a presenza latente ou explícita da música tradicional, cun tratamento innnovador e persoal, conxugado na maioría dos casos, con textos e melodías propios.

Cantos na Maré pretende ser dende a súa primeira edición unha ponte aos/as galego-falantes do mundo, un punto de encontro para as diferentes culturas que se expresan baixo o tronco lingüístico común do galego-portugués; un xeito concreto de achegar culturas, de apostar polo contacto, pola comunicación e polo coñecemento entre pobos e xentes que teñen o denominador común da lingua como comunicación.

Temos xa editado un traballo gravado en directo que é a nosa carta de presentación e un sinal do que podemos desenvolver no futuro.

Uxía, directora artística de Cantos na Maré.

Venda de entradas

Anticipada
6 €, a través do teléfono 902 43 44 43 ou en www.caixagalicia.es
O mesmo día do concerto
8 €, de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 19:00 h na billeteira do Teatro Principal e a partir das 19:30 h na billeteira do Pazo da Cultura

Ficha técnica

Banda base
Paulo Borges (piano, acordeón)
Quiné (batería, percusión)
João Ferreira (percusión)
Amadeu Magalhães (ventos, guitarras)
Davide Zaccaría (cello)
Paco Charlín (contrabaixo)
Juca Delgado (saxo, flauta)
Jon Luz (cavaquinho)
Nino Galissa (kora)
Dirección artística
Uxía
Dirección musical
Paulo Borges
Colaboración especial
Norton Daiello (baixo)