Cantos na Maré 2005
A diferenza das anteriores edicións que tiveron lugar na praza da Ferraría durante as festas de verán, a terceira entrega de Cantos na maré celebrouse no Pazo da Cultura de Pontevedra o día 17 de decembro.
Unha vez máis o Concello de Pontevedra volveu reunir nun mesmo escenario a grandes valores da música lusófona como o caboverdiano Tcheka, a brasileira Renata Rosa, e a nova proposta do galego Fran Pérez, NARF. A gran ausente foi a portuguesa Dulce Pontes, que, a pesar de ser unha das convidadas para esta edición, tivo que interrumpir a súa xira de concertos en España por motivos de saúde.
A banda base estivo formada por músicos do talle de Paulo Borges (piano e acordeón), Quiné (batería e percusión), João Ferreira (percusión), Amadeu Magalhães (ventos e guitarras), así como Davide Zaccaría (chelo) e Paco Charlín (baixo).
Sábado 17 de decembro de 2005 Pazo da Cultura de Pontevedra
Dulce Pontes (Portugal)
A potencia da voz desta portuguesa nada en Montijo é mundialmente recoñecida, así como a súa versatilidade á hora de interpretar temas en diversos xéneros como o rock, o fado, o pop, o folk, entre outros. Mais é no fado que a voz de Dulce Pontes adquire a súa máxima expresión, estilo no que se encontra cómoda e no que conecta máis facilmente co seu entregado público durante os seus concertos. Coas súas sentidas interpretacións chegou a provocar nas novas xeracións de artistas portugueses un gran interese polo fado.
Nos seus discos, Dulce conta habitualmente coa colaboración de músicos de primeira liña como Leonardo Amuedo, quen ela considera a súa alma xémea musical, Wayne Shorter, Jaques Morelenbaum, Trilok Gurtu, Justin Vali, Kepa Junkera, Waldemar Bastos, Maria João, Myrdhin, Anders Norudde, Stefanos Korkolis, entre moitos outros artistas.
Durante os últimos anos recibiu unha chea de convites para colaboracións em concertos e gravacións, actuando ao lado do italiano Andrea Bocelli, do español José Carreras, da caboverdiana Cesária Évora, dos brasileiros Caetano Veloso, Daniela Mercury, Simone e Marisa Monte, do gaiteiro galego Carlos Nuñez e dos irlandeses The Chieftains a convite de Paddy Moloney.
No seu último traballo, O coração tem tres portas -gravado en directo-, Dulce Pontes experimenta coa acústica de catedrais portuguesas e ofrece ao público unha experiencia totalmente novidosa, a medio camiño entre o tradicional e o vangardista.
Uxía (Galiza)

A traxectoria profesional desta galega enmárcase necesariamente na continua procura dun camiño propio, de novos matices para a súa voz, de textos cos que construír as súas cancións. Institivamente vai atopando polo camiño artistas que se teñen convertido en compañeiros de viaxe e que dan á súa música o sentido que ela sempre ten defendido, que non é outro que ser un elemento de comunicación entre os pobos. Neste camiño Uxía achégase infatigablemente ao mundo lusófono, convertíndose nunha artista querida e requerida nos países de fala portuguesa.
En 2003 idealizou o festival Cantos na maré, amosando a súa capacidade para aunar vontades e convertir en realidade as fusións da música atlántica cun denominador común: a lusofonía. Hoxe, trátase dunha festa multicultural que reune unha vez ao ano en Pontevedra as mellores propostas da Galiza, de Portugal e doutros países de língua portuguesa.
Tcheka (Cabo Verde)

Tcheka triunfa en Europa co seu retrato musical da vida cotiá das illas de Cabo Verde, de onde procede. Despois dun primeiro album, Argui! (2003), no que xa amosaba unha nova forma de interpretar o batuque, o seu segundo traballo, Nu Monda, que significa “retirar as herbas dañinas”, afonda no camiño iniciado, traspasando á guitarra os ritmos tradicionais que habitualmente se obteñen das percusións. Abrangue outros xéneros como a “tabanka”, ritmos carnavalescos, ou o talulu, tema tocado no día de Todos os Santos na illa de Foho. Guitarrista e cantor, naceu en 1973 e recibiu desde moi novo as influencias e o ensino do seu pai, un popular violinista do seu país. Aos 15 anos comezou a desenvolver un estilo persoal baseado no batuque, que el quer convertir nun ritmo universal. Con dous discos editados, e unha morea de actuacións, os sons africanos de Tcheka soan xa co forza en Europa e atopan un oco nos mercados frances e italiano.
Renata Rosa (Brasil)

A paulista Renata Rosa pasa máis tempo en Europa que no seu país de orixe; máis de cincuenta concertos ao longo do ano 2005 xustifican a sua presenza constante no noso continente.
A voz de Renata Rosa comezou a perfilarse como un potente instrumento ao interpretar non soamente as músicas brasileiras senón tamén outras músicas do mundo, como a árabe ou a hindú.
En riba do escenario o seu canto desprende unha gran enerxía, unha consecuencia da danza e da forza dos instrumentos que a acompañan: o cavaco, a bandola, a percusión e o baixo. Pero é a rabeca que se escoita con máis frecuencia no traballo de Renata, un violín tradicional brasileiro que ela mesma interpreta en case todas as súas cancións.
No seu traballo discográfico Zunido da Mata, a artista fusiona as tradicións do nordeste do Brasil ata obter un resultado abraiante de percusión, voces e danzas. En definitiva, propón unha viaxe musical a través dun mundo de caboclos, de indios nativos e de africanos de Brasil, inspirándose no maracatu rural e no côco, entre outros ritmos.
NARF (Galiza)

Desde Galicia a Maputo, pasando por Cracovia e Lisboa, a todos os rincóns chega NARF, o novo proxecto do polifacético músico Fran Pérez. Rompendo barreiras, NARF convírtese nunha das aventuras musicais máis interesantes na última década en Galicia. A batidora deste músico consegue pratos con sabores diversos: pop, rock, ritmos africanos e melodías marcadas pola poesía galego portuguesa. NARF é, pois, a nova identidade para un músico inquieto, que investiga no ritmo e na harmonía; unha nova identidade para un inventor de formar e de compoñer; para un cancionista, como el se define.
A finais dos oitenta formaba parte de Nicho Varullo e Kinindiolas, grupos de rock que levaban as súas cancións estomacais polos locais de Santiago de Compostela. A necesidade de buscar espazos propios conduciuno, xunto a un grupo de persoas comprometidas coa música e co teatro, a formar parte da compañía Chévere, cuxas montaxes distinguíronse polas bandas sonoras orixinais compostas por Fran Pérez.
Máis tarde abrirían a sala NASA, espacio artístico xa imprescindible en Galicia, e chegarían éxitos como o obtido coa opereta Annus Horribilis, considerada pola crítica de Barcelona como o mellor espectáculo musical. Nos últimos anos fóronse estreitando os vínculos do músico con Portugal e, por extensión, con África, preparando xunto ao grupo mozambicano Timbila Muzimba un traballo conxunto, Bumba.