Cantos na Maré 2004
Espectáculo enmarcado no Ano da Música, un ano temático levado a cabo polo Concello de Pontevedra para celebrar o centenario do primeiro disco galego gravado, Cantos na maré converteuse na gran aposta para as Festas da Peregrina deste ano.
A praza da Ferraría recibiu así, por segunda vez consecutiva, a grandes artistas provintes de diferentes países de língua portuguesa. O resultado foi unha explosión de sons e bailes que animou a todos os presentes a viaxar polos ritmos da lusofonía e a compartir por uns momentos os valores de culturas tan afastadas e tan próximas en sí. Todo un éxito que pouco a pouco se consolidaría e se repetiría nos anos seguintes.
Sábado 14 de agosto de 2004 Praza da Ferraría de Pontevedra
Uxía (Galiza)
Uxía é a artista galega que máis se ten involucrado neste tipo de proxectos que teñen como base a lusofonía. Participou nalgúns que foron concebidos en Portugal, como “Sons da Lusofonía” e “Sons da Fala”. Na Galiza idealizou e materializou Cantos na Maré, este festival galego-lusófono que pretende ser todo un referente na península ibérica, tanto para os artistas como para o público en xeral.
Uxía posúe infinitos contactos e vías de comunicación cos países de fala portuguesa, un requisito indispensábel á hora de configurar e realizar ese tipo de proxectos. A isto hai que sumar o seu compromiso coa súa língua e a vontade que ten esta artista de irmanar os pobos galego-lusófonos para permitir novos espazos de creación e fortalecer así ese mercado discográfico.
Zezo Ribeiro & Vanessa Forhagian (Brasil)
Este guitarrista comenza a ser coñecido aquí a raiz da edición do seu primeiro disco: “Gandaia” froito da investigación e da fusión da súa técnica coa da guitarra flamenca. Practica o que el denomina “rexionalismo universal”. Como guitarrista é un virtuoso, atento a todo o que se move no jazz e no flamenco e como compositor explora todos os ritmos da súa fecunda terra. Artistas do talle de John Patitucci ou Elba Ramalho prestaron a súa colaboración nos seus discos. Brincadeira, en parcería con Chico César é o seu último traballo, onde ambos artistas conflúen no que, seguramente, descubrimos na súa plenitude o talento de ambos artistas.
Pola súa parte, Vanessa Borhagian é unha muller de São Paulo que é, sobre todo, compositora, percusionista e, máis recentemente, cantora das súas propias composicións, impulsada por Zezo Ribeiro co que se atopou en 2003. Este feito significou un cambio radical na súa traxectoria. En parcería xa compuxeron un montón de cancións que pronto verán a luz nun disco. Na súa primeira xira europea conxunta colleitaron un notable éxito de público e crítica.
João Afonso (Mozambique)

É un dos máis prestixiosos e valorados compositores da actualidade en Portugal. Digno herdeiro do seu tío Zeca Afonso, é autor de cancións que xa forman parte da historia da música do seu país de adopción.
João Afonso naceu en Moçambique e a súa orixinalidade ven dada non só pola calidade das súas composicións, senón por introducir ritmos, sabores e aromas de África nas súas letras e nas súas músicas. Mantén unha moi estreita relación con Galiza, froito tamén dun espéctaculo raiano que comparte con Uxía: “DE LÉS A LÉS” do que nos achegarán aquí unha mostra.
Kimi Djabate (Guiné Bissau)
Kimi provén dunha familia griot, de gran currículo na música tradicional mandinga. El aprendeu do seu pai a tocar balafón en Tabato, a única aldea de músicos de Guiné Bissau, ata que foi convidado a Canadá para dar clases deste instrumento. El é compositor das pezas que interpreta e normalemnte é acompañado por persoas de outras nacionalidades para experimentar sons e ritmos diferentes. Participou en numerosos proxectos musicais e en discos, sobre todo con João Afonso, co que ten colaborado estreitamente.
María João e Mário Laginha (Portugal)

Eles manteñen hai xa algúns anos un dúo de especial complicidade. Poucas veces se da tal grado de compenetración. A súa capacidade innovadora fai de cada concerto un momento de creatividade e emoción. A música que fan é difícil de etiquetar, é, sobre todo, a música que lles gusta facer. Nela se encontra a orixinalidade e as influencias sonoras dos países por onde pasaron para presentar os traballos discográficos cos que contan ata agora.
María João é xa un punto de referencia no difícil e competitivo campo da música improvisada e participou nos máis importantes festivais de jazz de Europa, valorada, sobre todo, pola súa capacidade vocal e a súa singular intensidade interpretativa. Mário Laginha é un dos músicos portugueses máis talentosos e innovadores. Pianista e compositor, ademais dos dos traballos con Maria João, gravou en quinteto o disco “Hoje” e outro co tamén pianista de jazz Bernardo Sassetti, con quen formaría máis tarde un dúo.
Ana Firmino (Cabo Verde)

Ana Firmino é unha voz fundamental na historia da música de Cabo Verde. Ela posúe unha forza interpretativa que cautiva á primeira escoita; con ela podemos oír o mar arribar nas areas do arquipélago. Filla directa dese inmenso Atlántico onde aprendeu a cantar a morna, a danzar a coladeira, funaná con batuque…Ana Firmino ven de editar un disco “VIVA VIDA” que nos achega a estes ritmos e melodías dunha terra que é coñecida no mundo pola súa cadenciosa música.
Zeca Medeiros (Açores-Portugal)

Este artista das illas Açores transpórtanos toda a súa alma de cinéfilo, de músico, de escritor, de compositor a esta terra que o acolle por primeira vez. Xa é hora de que sexa recoñecido como merece, de que valoremos a súa arte multidisciplinar e o seu talento interpretativo. O seu canto non deixa indiferente a ninguén; transmite emocións fortes, sentimentos dunha clara identidade açoriana que podemos apreciar en toda a súa potencialidade no seu último traballo discográfico: “Torna-Viagem”, coa complicidade musical do seu inspirado paisano Paulo Borges que nesta edición de Cantos na Maré asume a dirección musical.
Alberto Mvundi (Angola)
Naceu en Angola, á beira do río Quanza pero hoxe é un músico afincado e valorado en Galiza onde participou en numerosos eventos xunto a artistas como Manu Chao que o elixiu como teloneiro nalgunha ocasión xunto coa Turma Galaica que o acompañou varios anos.
As súas composicións son fundamentais para entender a idiosincrasia da súa terra en guerra utilizando ritmos de raíces angolanas e temas íntimos no seu dialecto ou en portugués. A súa alegría contaxiosa segue a percorrer os escenarios de toda Galiza e do resto da Península inundando co seu sorriso estes lugares. El é o exemplo máis claro de integración total e de intercambio con músicos locais que, ao tempo, sinten o pulso da música africana.
Guadi Galego (Galiza)

Unha das máis importantes voces do folc galego. Pertenceu ao grupo Berrogüetto ao que aportou tamén as súas frescas composicións. Maís tarde editaría Espido, un traballo a dúo co guitarrista Guillermo Fernández e Nordestin@s, xuntamente con Ugía Pedreira e Abe Rábade.
É unha gaiteira excepcional e tamén se suma a este espectáculo despois de ter colaborado en disco e en directo con Uxía en innumerabeis ocasións. Será unha oportunidade máis para disfrutar do seu talento e profesionalidade.
Paulo Borges (Piano, teclados e acordeón)
Paulo Borges é o director musical desta edición de “Cantos na Maré”. Dirixe unha banda formada por músicos dos dintintos países da área lusófona.
Naceu nas ilhas Açores, estudiou composición que logo aplicaría como autor de bandas sonoras para teatro (Alpendre, Trigo Limpo Acert, Entretanto) e televisión así como concertos e discos con varios artistas.