Cantos na Maré 2003

Cantos na maré naceu coa intención de render unha homenaxe ao mar como lugar de encontro, como fonte de vida e de morte, de lendas e de tradicións. Naceu para celebrar o encontro de voces-sereas do Atlántico que contan, cantan e suman; as voces de poetas, letristas e escritor@s galeg@s, portugueses/as e brasileiros/as que están unidos polos sentementos e valores culturais deste fecundo universo galego-portugués.

Así, Cantos na maré significa unha ocasión para fundir e difundir o alalá, o fado, a morna, o samba, o forró e a marrabenta e destilar así un único sentir con perfumes moi variados de países como Brasil, Mozambique, Guiné Bissau, Cabo Verde e como non, de Galiza. Un paseo polos ambientes e polos ritmos destes fascinantes lugares imprimindo sempre un aire festivo e de intercambio, de afinidades que veñen dadas por este contacto atlántico e tamén pola lingua que nos une.

Supón tamén unha autoafirmación, unha necesidade de prenderse á terra, ás lendas que aínda están vivas, ás terras atlánticas máxicas e míticas, que se corresponden cunha certa e determinada visión do mundo, unha cosmovisión, que conteñen importantes elementos de comprensión das pautas culturais e psicolóxicas destas terras ricas en contrastes e moi atractivas aos ollos do mundo.

A banda base, formada por músicos dos países lusófonos, enriquecen a proposta musical con cavaquinho, percusión africana e instrumentos galegos máis universais.

Sábado 16 de agosto de 2003 Praza da Ferraría de Pontevedra

Batuko Tabanka (Cabo Verde)

A forza e a enerxía destas voces e percusión de Cabo Verde, abren o espectáculo, traendo o mar destas illas a Pontevedra, pasando polo porto de Burela onde viven hai xa moitos anos e onde deixaron a súa pegada.

O batuque é un ritmo, un canto, un ritual. Foi, na súa orixe, unha expresión dos escravos. “Ten o selo da humanidade que se impón á intemperie. Cando soa o batuque, a paisaxe de Burela se despereza, ábrese unha claraboia no ceo. Aparece unha nova illa no mapa”. M. Rivas

Uxía (Galiza)

É a autora do proxecto e serve de fío e agulla para enredar as distintas voces mariñas dos artistas convidados. Posúe bastante experiencia na dirección e coordinación de espectáculos colectivos e o seu contacto permanente con estas culturas fan que a atmosfera e o bo ambiente invadan o escenario tornándoo o fogar de todos e de cada un dos pobos representados.

Chico César (Brasil)

É un dos grandes compositores e intérpretes brasileiros da actualidade. El conecta totalmente co espírito que preside este encontro; as súas letras son brillantes e orixinais, así como o tratamento musical que da ás súas composicións, aludindo irremediabelmente ás culturas africanas que son o berce da súa, ao mar, á muller, á súa raza...

Manecas Costa (Guiné Bissau)

Manecas é unha das voces emerxentes no panorama musical africano. Guitarrista virtuoso, compositor e intérprete, se arraiga á música da súa terra pero é ao mesmo tempo moi contemporáneo, acadando nos últimos anos moi boa crítica europea.

Filipa Pais (Portugal)

O mar de Lisboa estivo representado pola voz acuática desta artista que transmite mellor que ninguén a luz da cidade branca. Ela reúne na súa voz o fado, a morna, a música popular portuguesa e unha cercanía con Brasil, país no que cantou en numerosas ocasións e no que contactou con prestixiosos músicos. Ademais participou nos espectáculos “SONS DA FALA” e “SONS DA LUSOFONÍA”, ambos coa participación de músicos de Cabo Verde, Angola, Guiné Bissau, Brasil, Galiza (Uxía) e Portugal.

Astra Harris (Mozambique)

Falecida en 2007, esta artista era unha das máis importantes voces de Mozambique que explora os diversos filamentos e direccións da música da súa terra. É recoñecida polas interpretacións sentidas e innovadoras das cancións que lanza ao ar, cunha intensa e vivificadora entrega.