Axenda 2008

Xoves 11 a sábado 13 de decembro de 2008

Cantos na Maré Rede

No encontro de 07 tiveron lugar contactos profesionais que propiciaron a posta en marcha de novas iniciativas mediante a colaboración, o intercambio ou a cocreación, foron as ansias de activar conexións as que proporcionaron o nacemento de proxectos como o MAC (Mercado Atlántico de Creación Contemporánea) ou a presenza de artistas galegos en festivais de Brasil ou Mozambique entre outras moitas ideas e compromisos xurdidos dos que algúns están en xa marcha; mais o verdadeiramente significativo daquel primeiro encontro foi comprobar a disposición e necesidade de compartir proxectos, ideias… espazo.

CNMRede 2008 preséntase como unha alternativa para fomentar o encontro, o intercambio de proxectos, a coprodución, o coñecemento mutuo…; fuxindo de formatos xa experimentados e coñecidos CNMRede traza o seu propio modelo a partir da posta en común de intereses e favorecendo o espazo e a interactividade; porque CNMrede ten unha vocación innovadora no seu enfoque relacional a partir do encontro, da proximidade e das experiencias vividas co fin de tecer unha rede que perdure e na que cada un escolle con quen relacionarse e o tipo de relación que quere establecer.

A presenza de axentes culturais internacionais e outros perfís profesionais relacionados coa creación e produción artística, conformarán unha rede baseada nas experiencias do “networking” con vocación de se converter nunha axenda de contactos, nunha axenda comercial operativa, real e funcional. Unha web social, diferentes blogs, proxectos, co producións, convenios, acordos…pero fundamentalmente o compromiso de seguir activando desde CNMRede o punto de encontro, o lugar presencial común.

Espazo profesional desenvolvido co apoio da Consellaría de Cultura e Deporte (Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural), Xunta de Galicia, Consellaría de Innovación e Industria (Xunta de Galicia) e Instituto Camões.

Agradecemento especial a Flavio Morganti -Restaurante Galileo